Saturday 04 de May de 2024

Un equipo de 118 persoas traballan en oito centros operativos para garantir a seguridade das estradas da provincia da Coruña ante a posible aparición de placas de xeo ou nevadas


A Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia dispón, en A Coruña, de 13 depósitos de sal e salmoira, 11 quitaneves e outros tantos repartidores de sal

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o centro operativo do do Plan de Vialidade Invernal das Pontes de García Rodríguez, onde comprobou a posta a punto dos recursos dispostos pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para combater as consecuencias das inclemencias climatolóxicas adversas na rede de estradas.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dispón na Coruña de trece depósitos de sal e salmoira, once quitaneves e outros tantos repartidores de sal. Son 118 as persoas que traballan en garantir a seguridade nas estradas autonómicas, sobre todo cando a circulación se pode ver dificultada pola presenza de placas de xeo ou neve. O operativo do Plan de Vialidade Invernal iniciouse o pasado 15 de novembro e manterase ata o 15 de marzo. En Lugo e Ourense o dispositivo comezou 1 de novembro e se prolongará ata o 30 de marzo.

Este plan ten por obxecto establecer a organización e os procedementos de actuación dos recursos da AXI para garantir as condicións de vialidade na rede de estradas da comunidade, reducindo ao mínimo o número de tramos con restricións ao tráfico. A provincia de A Coruña conta con oito centros operativos: na zona norte, Betanzos, As Pontes y Seixurra (AG-55); na zona sur, Santiago, Melide, Zas, Boiro (AG-11) y Pardiñas (AG-56).

Para estes traballos, na zona Norte da provincia da Coruña cóntase con tres camións 6×6 con coitela e esparexedoras de sal, e un camión 6×6 con coitela e esparexedora de salmoira. As provisións de sal atópanse no Centro de Vialidade Invernal das Pontes, na nave de Betanzos e no silo en Corredoiras. Nas Pontes tamén funciona a central de fabricación de salmoira e un depósito. En caso de nevadas extraordinarias cóntase con motoniveladoras nos puntos máis conflitivos para proceder ao despexe das estradas.

En Galicia activáronse en total 26 centros, 5.200 toneladas de fundentes e preto de 500 profesionais que velarán pola seguridade nas estradas autonómicas. Galicia conta cunha das redes viarias máis extensas de España. Sumando as vías do Estado, da Comunidade e das deputacións provinciais, contabilízanse 18.000 quilómetros de estradas, dos cales 5.500 son de titularidade autonómica.

Ovidio Rodeiro sinalou que “conservar estes eixos de comunicación que vertebran o territorio require de importantes esforzos e inxentes recursos, motivo polo que nos últimos anos a Xunta sempre situou a conservación e a seguridade na rede de estradas como prioridade”. A aplicación destas medidas lévase a cabo a través do servizo provincial da Axencia Galega de infraestruturas, de contratos de conservación integral e das concesionarias das vías de alta capacidade.

O delegado territorial da Xunta na Coruña aproveitou a visita para agradecer aos operarios o seu esforzo e para facer un chamamento á prudencia. “Ningún plan pode substituír a prudencia, o sentido común e a concienciación social, polo que cumpre pedirlle aos condutores que extremen as precaucións ao volante e sigan escrupulosamente as recomendacións das autoridades”, manifestou Ovidio Rodeiro